Para acceder á EOI será requisito ter feitos os 16 anos no ano natural en que se comecen os estudos. Tamén poderá acceder o alumnado con 14 anos que desexe matricularse nun idioma distinto do que estea a cursar na ESO. Neste caso, deberá achegar certificación da secretaría do centro onde estea matriculado con mención expresa da lingua estranxeira que cursa como primeiro idioma.
As datas das probas parciais de febreiro e finais de xuño non teñen por que coincidir co horario da clase. Serán fixadas, en función das necesidades do centro, na quenda de mañá ou tarde, calquera día da semana. As datas das probas de certificación unificadas serán fixadas pola Consellaría de Educación.
AVALIACIÓN
Toda a información relativa á avaliación (estrutura das probas, contido, criterios de avaliación e cualificación) publicarase nos proxectos didácticos dos departamentos. Todo o relativo ás probas de certificación publicarase no momento en que sexa aprobado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
FALTAS DE ASISTENCIA / DECLARACIÓN BAIXA DE OFICIO
O alumnado oficial presencial que teña un número de faltas sen xustificar superior ao 20% das horas totais do curso perderá o dereito a que se lle teña en conta a proba do mes de febreiro, pero terá dereito a examinarse na convocatoria ordinaria de xuño e na convocatoria extraordinaria, se a houber. O alumnado que non se incorpore nos primeiros dez días lectivos, sen xustificación razoada ante a dirección, perderá a condición de alumno oficial e a escola poderá dispoñer da súa praza para ser cuberta por outros aspirantes.
MATRÍCULA LIBRE E OFICIAL
Ninguén poderá estar matriculado como alumno oficial e libre no mesmo curso e idioma durante o mesmo ano académico.
LÍMITE DE CONVOCATORIAS
O alumnado oficial poderá permanecer en cada un dos niveis o dobre dos anos establecidos para cada un deles. Logo de esgotadas as convocatorias, o alumnado non poderá cursar as ensinanzas en réxime presencial, pero poderá inscribirse para realizar as probas terminais específicas de certificación. Para non perder a convocatoria, o alumnado oficial que non se poida presentar ás probas deberá renunciar á matrícula dentro do prazo establecido.
RENUNCIA Á MATRÍCULA OFICIAL
O alumnado poderá solicitar ao centro a renuncia á matrícula mediante instancia motivada dirixida á dirección da EOI. A data límite para solicitala será o día 30 de abril. A renuncia non supoñerá a devolución das taxas pagadas.
TRASLADO DE EXPEDIENTE
O alumnado que desexe trasladar o expediente co fin de proseguir as ensinanzas oficiais de idiomas noutra EOI de Galicia deberá solicitar unha certificación académica no centro de orixe para presentala no centro de destino no momento de formalizar a matrícula.
TRASLADO DE EXPEDIENTE POR MATRÍCULA VIVA
Unha vez comezado o curso poderase facer efectivo o traslado do alumnado oficial xa matriculado (traslado de expediente por matrícula viva), pero só será aceptado cando exista xustificación suficiente para o traslado. O traslado estará sempre condicionado á existencia de prazas na EOI de destino, que deberá ser consultada antes da súa tramitación.
O traslado de expediente e traslado de expediente por matrícula viva entre EOI de Galicia non supón custo ningún, pero si se cobrarán as taxas correspondentes cando o trasladado proveña dunha EOI doutra comunidade autónoma.
CLASES COMPLEMENTARIAS
A asistencia ás clases complementarias é voluntaria, pero recomendada. O alumnado que o solicite expresamente ao seu profesor ao comezo do curso poderá obter unha certificación na que constará o número de horas impartidas e a cualificación obtida. Non obstante, non se expedirá a certificación se o alumno faltase, xustificadamente ou non, máis dun 20% das horas totais que dure a actividade. No caso de que o alumno asistise regularmente, e non superase a avaliación final, poderá recibir unha certificación de asistencia na que conste unicamente o número de horas impartidas.
SOLICITUDES DE BOLSA
Deberán presentarse na secretaría da EOI no prazo que estableza a propia convocatoria.
DEVOLUCIÓN DAS TAXAS DE MATRÍCULA
O alumnado deberá comprobar ben o importe que vai ingresar antes de facer o pagamento, xa que o centro non poderá efectuar ningunha devolución das cantidades incorrectamente ingresadas. As taxas de matrícula só se devolverán cando o motivo da devolución sexa imputábel ao centro (por exemplo, a anulación dun grupo).
OUTRA INFORMACIÓN
A través da páxina web da EOI (www.eoisantiago.org) terá acceso a todo tipo de información sobre o funcionamento do centro: últimas novas, horarios, departamentos didácticos (profesorado, programación, bibliografía), calendario de exames, actividades extraescolares, Asociación de alumnos e antigos alumnos, lexislación específica, etc.