novas     |     convocatorias/axudas     |     actas     |     ligazóns     |     contacta     |     administrar

A Escola
inicio
instalacións
oferta educativa
normalización lingüística
biblioteca
horario
arquivo fotográfico
histórico
contacta
eois de Galicia
prog. europeos

Departamentos
alemán
español
francés
galego
inglés
italiano
portugués

Seccións
negreira
noia
ordes
ribeira
sar

Alumnado
asociación de alumnos
xunta de delegados
convocatorias e axudas

XUNTA DE DELEGADOS: NOVAS

LUNS 18 DE FEBREIRO



A día de hoxe recibimos a confirmación de que a entrevista que solicitamos co diretor xeral de FP e EE se efectuará mañá, martes 19 de febreiro, na Direción Xeral de FP e EE, situada nos edificios administrativos de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.

Unha representación de alumnos e alumnas das EEOOII de Galicia asistirá a dita entrevista.

Por outra beira, síguese coa recollida de sinaturas apoiando as reivindicacións do escrito acordado en reunión do día 25 de xaneiro en Compostela polos representantes das EEOOII de Galicia.




Martes 29 xaneiro
Na reunión do venres 25 de xaneiro reunímonos representantes das EEOOII de Galicia para expresar as nosas opinións e escoitar as dos demais sobre o delicado tema da nova lexislación que afecta ás ensinanzas de idiomas.

Despois dun amplio e extenso debate, desde as 17h. ata as 20:30h, acordamos elaborar un escrito conxunto. Neste escrito expoñemos os puntos cos cales estamos en desacordo e solicitamos unha reunión co Director Xeral, na cal poder expoñerlle estas opinións. Este escrito está enviado a todas as EEOOII de Galicia, xunto cunhas follas de recollida de sinaturas para que as persoas que o apoien poidan manifestalo a través da súa sinatura.

Este escrito, no día de hoxe, 29 de xaneiro, foi entregado no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Agora, esperamos resposta por parte da Direcíón Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Se en algunha EOI non está o escrito, preguntarlle ás delegadas e delegados de clase, ou senón, escribide a este enderezo electrónico: delegados@eoisantiago.org, e enviarémosvos tanto o escrito como as follas de recollida de sinaturas.

De momento, así están as cousas.

Mércores 23 xaneiro


Xa temos creado un blog ao cal podedes acceder para opinar sobre todo este asunto da lexislación: eliminación da convocatoria de setembro, baremación das probas de exame, non valoración do exame de febreiro na nota final dos cursos finais de nivel, etc.

O enderezo é o seguinte: convocatoriasetembro.blogspot.com

Martes 22 xaneiro


As cousas están así: a lexislación estatal co real decreto 1629/2006 do 29 de decembro, que fixa os aspetos básicos do currículo das ensinanzas de idiomas de réxime especial, establece no artigo 4, apartado 3, que as administracións educativas organizarán polo menos unha convocatoria anual de probas. Quere isto dicir que non obriga a convocar só unha. Así, temos que cada Comunidade Autónoma adopta a decisión de organizar unha ou dúas convocatorias segundo lle pareza. Ata o momento, que nos saibamos, só Cataluña decidíuse por unha convocatoria. Esta información está sacada de internet, e foi difícil encontrar a lexislación educativa en algunha Comunidade, polo que se alguén ten posibilidade de acceder a todas as Comunidades, por favor que no lo faga saber neste correo: delegados@eoisantiago.org, grazas.
Podemos dicir o mesmo sobre a baremación e os procedementos de avaliación, que cada Autonomía adopta formas e porcentaxes diferentes para avaliar as destrezas. Aquí poderemos opinar nós como usuarios dun servizo. Que dalgún xeito o servizo existe porque hai que require del.
Tamén, no real decreto, establece o número de anos de permanencia en cada nivel. Así, di no artigo 3, apartado 4: os alumnos terán dereito a cursar ensinanzas en réxime presencial, no conxunto dos niveis intermedio e avanzado, un número máximo de anos equivalente ao duplo dos ordenados para o idioma do que se trate. Significa isto que a permanencia depende do lexislado a nivel nacional, mentres que o número de convocatorias, as baremacións, as probas e instrumentos de avaliación, son lexislados desde a Consellería de Educación.

Que cada quen interprete estes matices

Por outra beira, a reunión deste venres xa ten forma e contido. Vigo, Ourense, Monforte, Lugo, Coruña, Pontevedra, Santiago, 7 de 11 EEOOII, polo momento, estamos xuntos para conseguir que se modifiquen aspectos da lexislación.

En breve teremos en funcionamento un blog para opinar sobre esta lexislación e outra, que esta mesma Consellería publicou: por exemplo, en pleno proceso de matriculación do curso 2006/07 modifica os prezos, conseguindo que o mesmo servizo, a unhas persoas lles custe case o duplo que a outras, agora en pleno curso modifica as condicións do proceso de avaliación.

Nós teremos algo que dicir, non cres?

Luns 20 de xaneiro



Está convocada unha reunión de representantes das 11 EEOOII de Galicia para o día venres 25, ás 17h. no salón de actos da EOI de Santiago. O que se acorde nesta reunión marcará o norte das nosas reivindicacións, se así lle podemos chamar. Realmente, é difícil unificar posturas e opinións sobre calquera tema social, realmente e complexo adoptar accións que sexan respaldadas pola totalidade da comunidade, pero nesta ocasión certos aspectos da lexislación que ordena as ensinanzas de idiomas de rXime especial estao conseguindo.


XUNTA DE DELEGADOS do día 17 de xaneiro de 2008



A Xunta de delegados de hoxe, día 17 de xaneiro de 2008, acorda elaborar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais solicitando a convocatoria extraordinaria de setembro para todas as modalidades cursadas nas EOI. Os argumentos da nosa reivindicación son: primeiro, cando formalizamos a matricula na EOI a lexislación vixente establecía dúas convocatorias de exames, xuño e setembro. Para a nosa sorpresa, o día 21 de novembro, con case dous meses de curso, aparece a circular 19/2007, que establece unha única convocatoria anual en xuño. Que pasa coas persoas que planificaron a única asistencia á convocatoria de setembro, ou con aquelas outras persoas que non poden asistir á convocatoria de xuño, por motivos variados (persoais, familiares, profesionais, académicos, etc.)? Que pasa, en definitiva, con nós, usuarios dun servizo polo cal pagamos para ter dereito, segundo a lexislación vixente no momento de matricularnos, a dúas convocatorias de exame, e agora nos vemos obrigados a caer nestra trampa lexislativa? Simplemente pasa que queremos manifestar o noso cabreo e malestar, dun xeito democrático, ou sexa, expresar que intentaremos conseguir que se nos devolva algo que cremos nos pertence por dereito legal, a convocatoria de setembro.

Ademais, estamos en contacto coas demais EOI de Galicia para formar unha comisión representativa que sexa a que exprese estas opinións ante os órganos administrativos correspondentes. A semana do 21 ao 25 de xaneiro teremos elaborado o escrito e solicitada a entrevista, ao mesmo tempo estamos traballando nun blog que funcionará a partir desta mesma semana para que calqueira poida ofrecer as súas opinións sobre o asunto, xa que, tamén, acordamos a revisión do baremo e cualificación das probas, tanto a parcial de progreso como a final de promoción, pois o baremo das probas terminais específicas de certificación aínda non están elaboradas, ou polo menos, non están publicadas (non sabemos aínda que dominio debemos alcanzar nas destrezas para obter o certificado de nivel básico nin de nivel avanzado).
Queremos asemade solicitar unha entrevista con Antonio Vázquez Vázquez, director xeral de FP e EE. Imos contactar cos medios de comunicación.

En definitiva, como usuarios dun servizo público, sustentado con cartos de todos, queremos que non se nos poñan obstáculos, senón que nos faciliten desde os poderes públicos, o disfrute de tal servizo nunhas condicións o máis abertas posibles para contemplar a todas as singularidades que o alumnado das EOI manifesta (novos e novas, non tan novos nin tan novas, traballadores e traballadoras, non traballadoras, non traballadores, universitarios e universitarias, escolares da ESO, do Bacharelato, xubilados e xubiladas, pensionistas, etc.)

Seguir atentas a esta páxina, pois segundo vaiamos concretando accións irémolas escribindo aquí.

XUNTA DE DELEGADOS 13 de Decembro 2007


O pasado día 29 de decembro constituíuse a Xunta de delegados e delegadas para o curso 2007-2008. Ao remate da mesma decidimos reunirnos este próximo día 13 para debatir as modificacións na nova estructura dos planos de estudos. Así, despois duns días necesarios para ler a orde que regula o sistema de avaliación, como outros aspectos organizativos, imos poñer en común as nosas opinións. Ademais de poñer en coñecemento da túa delegada ou do teu delegado o teu parecer podes enviar calquera suxestión a esta dirección de correo electrónico: delegados@eoisantiago.org. A nosa intención é poñer por escrito o que se fale na reunión e facerllelo chegar, primeiro ao equipo directivo da EOI, e despois á Consellería.

ESCRITO SOBRE O DECRETO QUE MODIFICA OS PREZOS DAS TAXAS DE MATRICULACIÓN



Despois da reunión da Xunta de delegados de marzo acordamos expoñer na EOI o escrito que presentaremos na Consellería de Educación. Neste documento manifestamos o noso descordo e malestar ante a aplicación de dito decreto en medio do proceso de matriculación. Ó mesmo tempo pedimos que se solucione dalgún xeito a situación producida, na cal hai alumnos e alumnas que polos mesmos servizos pagaron diferentes prezos. Ademais do dereito a reclamar individualmente, consideramos que había que unirse para alzar a voz e que así tivese máis forza a nosa reclamación. Deste xeito, queremos respaldar o escrito co maior número posible de sinaturas, para o cal distribuímos polas aulas anexos de recollida de sinaturas que apoian ó escrito. Tamén, comunicámonos coas outras EOI de Galicia. Algunha como A Coruña e Lugo xa se puxeron en contacto con nós para apoiarnos nas medidas que adoptemos. Acordamos enviarlles o escrito para que o lean.
A nosa intención é presentar o escrito en abril, unha vez que teñamos un número adecuado de sinaturas.
Para máis información preguntade á vosa delegada ou delegado, ou escrivide á dirección de correo electrónido da xunta de delegados, ou no buzón da Asociación de Alumnos que hai na EOI.

Seguiremos informando segundo vaian xerándose novas noticias.

Por favor, transmitide a información a compañeiros e compañeiras que non o saiban para que, se queren, apoien o escrito coa súa sinatura.

Reunión o 17 de xaneiro de 2007
Na reunión última da Xunta de Delegados e Delegadas tratáronse diversos temas de interese para nós alumnos e alumnas da EOI.

Acordamos redactar un informe sobre a situación do edificio que alberga á EOI. A comisión encargada elaborou un informe, despois de recabar información sobre a habitabilidade e adecuación de espazos. As conclusións son que o edificio non reune as condicións para unha ensinanza de calidade. Este informe será exposto en cada aula para que poida ser lido. Tamén, adxunto ó informe acordamos presentar unha recollida de sinaturas. Deste xeito, unha vez coñecidas as condicións do edificio, aqueles alumnos e alumnas que queiran apoiar as reivindicación dunha nova ubicación para a EOI poderán asinar. Este informe xunto coas sinaturas recollidas será presentado na Consellería. Por favor, lede o informe, pois é moi descriptivo sobre aspectos que no día a día, ás veces, nos pasan desapercibidos, pero que condicionan o desenvolvemento da aprendizaxe e do ensino.

Outro acordo da Xunta de Delegados foi presentar un escrito colectivo solicitando información sobre a subida das taxas de matriculación en medio do proceso. Este escrito será exposto nas aulas para que as persoas que estean de acordo o respalden coa súa sinatura. Brevemente, a situación está deste xeito: O DECRETO 147/2007 de 31 de agosto, publicado o 8 de setembro (venres) e que entrou en vigor o 11 de setembro (luns), establece os novos prezos que modifican os do decreto anterior. Curiosamente este anterior decreto foi publicado o 3 de maio de 2002, é dicir antes de empezar o proceso de matriculación para o curso 2002-03. A nosa estrañeza, en algúns casos, indignación é descoñecer por que se procedeu deste xeito que choca contra o sentido común. Actualmente, hai alumnos e alumnas que polos mesmos servizos públicos están pagando diferentes prezos. En definitiva, queremos saber por que? e tamén, queremos expresar o noso desacordo cara a este proceder, e como non, queremos buscar unha alternativa. Por favor, lede o escrito que se expoñerá nas aulas e asina, se estás de acordo coas reivindicacións.

Ademais, tamen falamos sobre as dificultades de aparcamento a certas horas. Outro escrito elaborado pola comisión correspondente será presentado no concello. Tamén será exposto nas aulas para buscar o respaldo de aqueles e aquelas que pensen que debe buscarse unha alternativa máis eficaz para favorecer o estacionamento dos vehículos nos arredores da EOI.

Calquera suxestión que teñades, como alumnos e alumnas facédello saber á vosa delegada, ó voso delegado, e se non tendes, a través de correo electrónico. Tamén podedes asistir as reunións da Xunta de Delegadas e Delegados que se anuncian a través de carteis no centro cunha semana de antelación e nesta páxina.

PARTIDO DE FUTBOL SALA INTERNACIONAL. TROFEO DE NADAL
O xoves día 21 de decembro de 2006, ás 22:30, no pavillón universitario. celebrarase un encontro de fútbol sala entre persoal da EOI (docente, administración, conserxería) e alumnos-as. A entrada é gratuita. Para formar parte do equipo de alumnas e alumnos, esíxense dous requisitos, roupa e calzado deportivos e corpo. Os alumnos e alumnas interesados en participar apuntádevos en conserxería. Hai un folio que pon: para o partido de fútbol sala. No partido celebrado o curso pasado, como non podía ser doutro xeito, o resultado decantouse cara ao alumnado. Esperamos que impere a deportividade e o bo ánimo.

REUNIÓN DE DELEGAD@S DO DÍA 16 DE MAIO
Na reunión de delegad@s acordouse o seguinte:

---Con relación ao tema dos horarios de exames: falar con dirección para buscar outra alternativa ao deseño do horario de exames para o próximo curso.

---Con relación ao tema de non ter lectores para o próximo curso: 1º Falar coa consellería para que nos comunique as razóns desta decisión e que alternativas nos propón. 2º En caso de que as súas xustificacións nos parezan febles, adopata-las medidas oportunas para conseguir os nosos obxectivos (un ensino de linguas de calidade).


De tódalas accións levadas a cabo teredes información, tanto nesta páxina web como no taboeiro do centro.

CLUBES DE CONVERSA
A primeira actividade da ASOCIACIÓN DE ALUMNOS E ANTIGOS ALUMNOS está en marcha.

O mércores día 29 de marzo ás 17:30 na aula nº3 da EOI reúnese o clube de conversa de francés.


O xovés 30 de marzo de 2006 ás 18:00 na aula nº 3 da EOI reúnese o clube de conversa de alemán.


O venres 31 de marzo de 2006 ás 20:00 na aula nº 3 da EOI reúnese o clube de conversa de inglés.


A estes clubes pode ir calquera persoa interesada en falar e oír falar no idioma correspondente. Hai unha persoa nativa, polo menos, por grupo. Son conversas desenfadas sobre temas que os integrantes do clube decidan. Haberá a posibilidade de establecer niveis de complexidade, de utilizar medios audiovisuais: DVD, CD musicais, e tamén de saír do centro para ubicar as conversas en lugares da cidade. Os luns de cada semana anunciaremo-lo lugar e hora nos que o clube se reunirá, a través desta páxina e tamén nos lugares que a ASOCIACIÓN ten na EOI.




Para calquera consulta podedes escribir ao correo da ASOCIACIÓN (asalumnado@eoisantiago.org)

NACEMENTO DA ASOCIACIÓN DE ALUMNOS E ANTIGOS ALUMNOS DA EOI DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O día 8 de marzo de 2006 firmouse a acta fundacional da ASOCIACIÓN DE ALUMNOS E ANTIGOS ALUMNOS DA EOI DE SANTIAGO DE COMPOSTELA. A partir de agora as persoas interesadas en ser socias poden dirixirse á dirección de correo electrónico da ASOCIACIÓN (asalumnado@eoisantiago.org) para socilicitar a folla de inscripción ou no propio centro pedila en conserxería.
Esta asociación nace para dar resposta aos intereses de antigos alumnos que queren seguir utilizando a lingua que aprenderon, para o cal desenvolveremos actividades encamiñadas a esta finalidade: cursos monográficos, cursos de verán, viaxes, proxeccións cinematográficas, clubes de conversa...
Tamén queremos completar a formación linguística dos actuais alumnos organizando actividades que a propicien: clubes de conversa, viaxes, cineforum...
Desde logo, estamos abertos a que as iniciativas e propostas das socias e socios nos axuden a promover outras actividades, nas cales podemos implicar a outros sectores da nosa sociedade (EOI, concello, Xunta, Deputación), pois desde os alicerces dunha asociación legalmente constituída sempre poderemos solicitar axudas públicas ou privadas. Cantos máis sexamos con máis forza podemos reivindicar un lugar e un espazo para o ensino e a aprendizaxe das linguas como un xeito de atravesa-lo muro que as palabras non entendidas levanta entre os seres humanos.




CALENDARIO DE EXAMES
O calendario provisional de exames está exposto na EOI e nesta mesma web. Este é o momento de analizalo e valoralo. Se tendes algunha obxección, por favor, facerllo saber á delegada ou delegado de grupo, para que así podamos transmitirlle-las nosas opinións á dirección do centro. Tamén, podemos utiliza-los buzóns de suxestións que están situados na entrada da EOI, a man dereita.

ENTRADAS PARA ASISTIR Ó PARTIDO DA SELECCIÓN GALEGA DE FÚTBOL
Temos reservadas 50 entradas para asisti-lo día 29 de decembro (21:00 h) ó estadio de San Lázaro (Santiago de Compostela) ó partido de fútbol entre a SELECCIÓN GALEGA e URUGUAI. Os interesados ou interesadas en facerse con algunha entrada poden informarse na EOI ou neste número de teléfono 659553543. O prezo é de 10 euros e o lugar Preferencia. O mércores 21 de decembro, pola tarde, e o xoves 22, pola mañá, entregaranse a quen se teña apuntado nunha lista que está na EOI. 2 entradas por persoa. Para recollelas presentar tarxeta de identificación da EOI.

PARTIDO DE FUTBOL SALA
O partido de fútbol sala que en principio se ía disputa-lo xoves 22 de decembro queda aprazado ata nova data. Por favor, non perdáde-la forma nestas festas gastronómicas. Por outra beira, sabemos de boas fontes que os docentes e demais persoal da EOI deron un resoprido cando souberon que non se podía disputa-lo encontro, de momento. Así terán máis tempo para elaborar un bo plano que lles permita introducirse no chandal ou no pantalón de deportes sen facer salta-las costuras.

EMPEZA UN NOVO ANO. CAPRICORNIO
Empeza un novo ano e, polo tanto, moitas posibilidades de renovación, cambio e aprendizaxe. Desde o baleiro espiritual que temos vivenciado nos últimos tempos, como consecuencia dunha educación baseada na culpa e no medo, a espiritualidade preséntase como un xeito novo de acceder ao que en realidade todos e todas somos: luz.

CAPRICORNIO
Dise de capricornio que é unha das forzas máis difíciles de comprender porque é o máis misterioso dos doce signos. Pode que isto sexa porque o verdadeiro Capricornio pode actuar en calqueira dos dous extremos da consciencia: o do materialismo máis absoluto ou no do espíritu. Polo tanto, dependendo de onde se encontre cada persoa na súa evolución, Capricornio estimulará todo canto sexa material ou todo canto sexa espiritual.
Este signo marca o comezo do inverno que é a cristalización do material, da loita, do exame. Chega o tempo de permanecer sós, soas, e sen axuda. O buscador debe deixa-las cousas da terra, emprega-la intuición e dar oportunidade á iniciativa para descubri-lo que está velado.
Saturno, planeta rexente de Capricornio, é coñecido como o señor do kharma. Isto representa a oportunidade de adquirir experiencia baixo a roda da vida. Cada vez que actuamos dunha forma incorrecta prodúcese unha enerxía contraria para equilibra-la situación que temos xerado. Por exemplo, se nos deixamos levar pola forza do desexo, da posesión material e dos pensamentos malsanos, a súa consecuencia é o sufrimento. Isto non se produce como castigo senón como aprendizaxe para eleva-lo noso nivel de conciencia. Tamén poderiamos dicir que Capricornio garda o secreto da alma e da súa revelación. Esta revelación só pode ter lugar como resultado da capacidade de elevarse por enriba das limitacións e de persistir no camiño a pesar dos obstáculos e dificultades. Pero non esquezamos que é un signo de conclusión e que inaugura un novo ciclo. A humanidade encóntrase nese estado de axitación previo a realizar un avance decisivo no desenvolvemento da conciencia. Só depende de manternos na escuridade ou abrirnos á luz. (próximo mes ACUARIO).

SEMANA DO COMERCIO XUSTO
Durante os días 19, 20 e 21 de decembro haberá exopsición e venda de productos de comercio xusto no edificio da EOI de Compostela.
O posto de venda estará na entrada principal (a man esquerda, conforme se entra). Poderedes mercar e informarvos sobre este outro xeito de comerciar entre persoas e países. Ó mesmo tempo é unha oportunidade para facerse con eses regalos que tan felices farán a quen os reciban.

CONSTITUCIÓN DA XUNTA DE DELEGADOS. CURSO 2005-2006 (1 decembro 2005)
O pasado 1 de decembro constituíuse a Xunta de delegados do curso 2005-2006. A Xunta de delegadas está formada por tódolos delegados e delegadas, elexidos previamente en cada grupo. A EOI de Santiago de Compostela ten, neste curso 2005-2006, 93 grupos de alumnos e alumnas distribuídos deste xeito:

--1º curso de inglés (11 grupos)
--2º curso de inglés (12 grupos)
--3º curso de inglés (8 grupos)
--4º curso de inglés (10 grupos)
--5º curso de inglés (5 grupos)

--1º curso de francés (7 grupos)
--2º curso de francés (5 grupos)
--3º curso de francés (4 grupos)
--4º curso de francés (3 grupos)
--5º curso de francés (2 grupos)

--1º curso de alemán (4 grupos)
--2º curso de alemán (3 grupos)
--3º curso de alemán (3 grupos)
--4º curso de alemán (2 grupos)
--5º curso de alemán (1 grupos)

--1º curso de galego (1 grupos)
--2º curso de galego (2 grupos)
--3º curso de galego (1 grupos)
--4º curso de galego (1 grupos)
--5º curso de galego (2 grupos)

--1º curso de portugués (3 grupos)
--2º curso de portugués (3 grupos)


Do total de 93 grupos foron elexidos 60 delegados/as. Asistiron á constitución da Xunta de Delegados 27. A Xunta quedou constituída coa elección de presidente/a e secretaria/o. Durante a reunión tratáronse temas diversos que nos ocupan e preocupan: funcionamento da calefacción, asociación de alumnos/as e antigos alumnas/os, dimensións insuficientes do edificio
actual da EOI...

REUNIÓN DE DELEGADAS E DELEGADOS
O vindeiro xoves día 15 de decembro celebrarase unha reunión de delegadas e delegados no salón de actos da EOI ás 17:30.
Entre os temas a tratar están:
-organización da actividade de comercio xusto que se desenvolverá a semana do 19 ó 22 de decembro.
-creación da asociación de alumnas/os e antigos/as alumnos/as da EOI.
-partido de fútbol sala de profesores/as contra alumnas/os (xoves 22 decembro).

INFORMACIÓN SOBRE BOLSAS DE ESTUDOS EN ALEMANIA
DAAD (Servicio Alemán de Intercambio Académico)
EMBAIXADA DE ALEMANIA
IMPORTANTE: O PRAZO DE ALGUNHAS CONVOCATORIAS REMATA EN DECEMBRO.

Axudas a estudantes das universidades galegas
Orde do 11 de marzo de 2005 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas ao estudo e accións de apoio económico aos estudantes universitarios, e se anuncia a súa convocatoria, correspondente ao curso académico 2004-2005.

Ofrece financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país, (anexo III).

NOVAS DO ALUMNADO
A próxima reunión da Xunta de Delegados será o vindeiro martes, día 15 de marzo ás 17:30 h., no Salón de Actos.


 


Valid HTML 4.01!

© Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela
     Tel.: 981 55 47 10
Matrícula
oficial
libre
a distancia
proba de clasificación
taxas
información xeral

Certificados
solicitude
validez

Lexislación e Documentación
galega
estatal
europea

Calendario
matrícula
lectivo
exames

contacta